PONTEVEDRA> Rematadas as obras dos viais perimetrais da praza de Barcelos, en Pontevedra. Esta mañá, o concello e a Deputación, socios para levar adiante esta intervención, escenificaron a recepción oficial dos traballos. Ademais da actuación na superficie, destaca o traballo realizado nos servizos soterrados que foron substituídos.
Dezaseis meses despois, a praza de Barcelos de Pontevedra estrea a imaxe renovada dos seus viais perimetrais. Hoxe concello e Deputación asinaron a recepción oficial dos traballos.
O resultante é un espazo máis verde e máis peonil. O investimento acadou os 1,9 millóns de euros, financiados cun convenio coa Deputación.
A intervención supuxo substituír a calzada de lastro por asfalto, cun tratamento diferenciado fronte ao colexio de Barcelos. Ampliáronse as beirarrúas, deixouse un único carril de circulación, os aparcadoiros son agora de servizos e instalouse mobiliario urbano.
O único vial que quedou sen arranxar foi o que transcorre pegado ao muro de Santa Clara. O concello agardará a coñecer o proxecto para conectar os xardíns coa praza.
A este respecto, o vicepresidente provincial Rafa Domínguez explicou que en quince días contan con ter o proxecto básico de intervención no convento, que debería estar licitado antes de finais deste ano.