Pontevedra rexistrou tres casos de violencia machista esta fin de semana

PONTEVEDRA> Pontevedra rexistrou tres casos de violencia machista esta fin de semana. O sábado unha muller de 36 anos foi acoitelada pola súa exparella en Monte Porreiro. Os outros casos déronse o domingo. Mentres unha das vítimas foi localizada cando intentaba suicidarse dende a Ponte do Burgo para rematar coas agresións que asegurou sufrir outra muller tivo que ser auxiliada mentres se refuxiaba en casa dunha veciña tras ser agredida pola súa parella na parroquia de Alba.

En 48 horas Pontevedra rexistrou tres casos de violencia machista. O primeiro foi o sábado na contorna da rúa Cambria, en Monte Porreiro. Unha muller de 36 anos foi acoitelada pola súa exparella no pescozo. A pesares da gravidade da ferida, a vítima recupérase no Hospital Montecelo. En canto ao agresor, un home de 50 anos que nun principio fuxiu do lugar, rematou por entregarse e onte foi enviado a prisión provisional sen fianza.

Os outros dous casos déronse o domingo. O primeiro detectouse a raíz dun intento de suicidio na ponte do Burgo. A propia vítima chamou á Garda Civil para denunciar a situación que estaba a sufrir.

Tras comprobar a veracidade da declaración da muller, os axentes detiveron ao agresor no hotel no que a parella vivía dende había un mes. O home estaba en busca e captura por non ter ingresado en prisión.

O terceiro e último caso deuse no lugar de Reiriz, na parroquia de Alba.

Aínda que o agresor está identificado conseguiu fuxir e polo de momento non foi detido.