A figura de Abuín de Tembra faise eterna en Dodro

DODRO> O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu este sábado á inauguración do local sociocultural de Imo que levará o nome do escritor e galeguista.

A  figura do escritor Avelino Abuín de Tembra volveu estar moi presente esta pasada fin de semana en Dodro, cando se cumpren dez anos do seu pasamento. E foi precisamente coa inauguración do novo local sociocultural de Imo, a súa aldea natal, que a partir de agora pasará a denominarse Escola Abuín de Tembra. O acto contou coa presenza de familiares, amigos  e veciños en xeral que, coa súa presenza quixeron lembrar a súa figura coma defensor da lingua e da cultura galega…pero tamén de autoridades, como foi o caso do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou do propio alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, que tamén tiveron palabras de loanza para o homenaxeado.

A reforma da vella escola de Imo supuxo un investimento de preto dos 50 mil euros. E foi posible grazas a unha achega da consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais.