ÁGAPE promove un programa de lecer para a inclusión de mozos neurodiverxentes

RIBEIRA> A Casa da Xuventude de Ribeira acollerá tódolos venres polo tarde o programa de lecer para a mocidade ‘Ocio con Alas’. Trátase dun proxecto impulsado pola asociación ÁGAPE que busca a inclusión social plena de mozos neurodiverxentes.

Se a adolescencia xa é de por si unha época na que non é doado encaixar, máis aínda cando falamos de mozos neurodiverxentes. Por esta razón, a asociación ÁGAPE porá en marcha o programa Ocio con Alas destinado a tecer redes sen barreiras entre a mocidade.

O programa desenvolverase tódolos venres pola tarde de outubro a xullo. O punto de encontro será a Casa da Xuventude onde se programarán as distintas actividades de lecer en función das necesidades e demandas do grupo. Tralas primeiras sesións de toma de contacto, planearanse saídas pola contorna como actividade alternativa.

Os interesados en participar tan só teñen que escribir unha mensaxe ó teléfono 602442155 indicando o nome e o texto ocio con alas. Non vai dirixido unicamente a persoas neurodiverxentes posto que busca fomentar a inclusión social e as relacións entre mozos de todo tipo. Haberá tamén sesións para as familias dos participantes co fin de orientar e avaliar o desenvolvemento do programa.