Os delitos menores por internet medran un 150% nos grandes núcleos da provincia

PONTEVEDRA> A Xunta Provincial de Seguridade analizou esta mañá os datos da delincuencia en Pontevedra durante o 2018. Os delitos non graves por internet creceron máIs dun 150% nos maiores núcleos de poboación, mentres que nas áreas rurais as denuncias descenderon en case un tres e medio por cento.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Provincial de Seguridade, á que asistiron a Comisaria Provincial, Estíbaliz Palma, e o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda. Na xuntanza fíxose balance dos delitos na provincia no 2018. Maica Larriba informou de que as cifras son bastante superiores ás do ano anterior polo incremento dos delitos relacionados coas novas tecnoloxías, que se notan sobre todo nos núcleos de poboación máis importantes.

Mentres nas áreas urbanas máis poboadas as infraccións aumentan, nas zonas rurais as denuncias descenderon un 3,48 por cento.

Deixando de lado as estafas por internet, as cifras de Pontevedra serían moi boas, segundo a subdelegada, cun bo índice de esclarecemento que se sitúa no 55%, dez puntos por enriba da cifra a nivel nacional.