PONTEVEDRA> O candidato do Partido Socialista en Pontevedra, Iván Puentes, pon os ollos na Parda para crear un novo aparcadoiro disuasorio pero cun proxecto diferente. A intención dos socialistas é cubrir a praia de vías do ferrocarril de Conde de Bugallal, habilitando un espazo no que poderían estacionar un milleiro de vehículos.
O Partido Socialista de Pontevedra aposta por un proxecto innovador para construir o aparcadoiro disuasorio máis grande da cidade. A candidatura de Iván Puentes pon os ollos na praia de vías do ferrocarril que existe entre as estacións e o barrio da Parda.
Este novo estacionamento sur acollería un milleiro de novas prazas de aparcadoiro no treito que vai dende o albergue de peregrinos ata o punto no que os edificios da rúa Camiño de Ferro se aproximan ás vías. Xa contra a pasarela 12 de Novembro converterase nunha zona verde.
Segundo o candidato socialista, esta placa volada permitirá tamén eliminar parte do ruído que produce o tren ao pasar preto dos edificios e resolverá o problema de conexión entre Conde de Bugallal e o barrio do Gorgullón.
Puentes engade tamén que este novo estacionamento viría completar realmente a intermodalidade en Pontevedra, solucionando a escaseza de prazas de aparcadoiro das estacións de tren e de buses.
O candidato socialista asegurou que intervencións deste tipo xa se realizaron noutras cidades, aínque a proposta pontevedresa destaca pola súa aposta pola calidade arquitectónica e paisaxística. O compromiso de Iván Puentes é comezar a redacción do anteproxecto nos seus primeiro meses de goberno.