O sector afronta dous meses de veda tras unha campaña do polbo moi positiva

RIBEIRA> A entrada en vigor da veda do polbo dende o pasado 1 de maio deixa atrás unha boa campaña en termos de descargas e, sobre todo, de facturación cun balance próximo ós 15 millóns de euros en toda Galicia.

Ata o 1 de xullo non haberá polbo galego nas lonxas. O sector e a administración acordaron dous meses de veda que se iniciaba o primeiro deste mes tras pechar unha campaña moi positiva a pesar do mal tempo que limitou os días de actividade na maior parte de Galicia.

Xunto coas boas capturas acompañou tamén o prezo que oscilou durante toda a campaña entre os 10 e os 15 euros axudando a elevar a cotización total a preto dos  15 millóns

As perspectivas de cara á futura campaña tamén son optimistas. Abrirá o 1 de xullo e durante os dous primeiros meses a cota será de 35 quilos  por embarcación e tripulante ó día, cun tope máximo de 240 quilos diarios. A partir do 1 de setembro a cota subirá a 55 por barco e tripulante cun máximo de 380 quilos diarios.