O vento e a chuvia de ‘Helena’ deixaron pequenas incidencias no Salnés

O SALNÉS> Helena deixouse notar con forza na comarca do Salnés. Vilagarcía foi un dos concellos máis afectados polo temporal. Durante a noite e a primeiras horas da mañá, o forte vento deixou un regueiro de incidencias leves. Principalmente, caída de pólas e envorcadura de colectores do lixo.

A chuvia, pero sobre todo o vento da borrasca Helena deixáronse notar con forza nas primeiras horas deste venres no Salnés. Durante a noite, rexistráronse ventos de ata 116 quilómetros por hora. Xa no amencer, unha importante tormenta eléctrica espertou os veciños.

A borrasca sentiuse e deixou un regueiro de incidencias, aínda que todas elas pequenas. Pólas caídas, colectores de lixo envorcados ou algunha uralita solta, foron os avisos máis recibidos polos equipos de emerxencias.

Vilagarcía foi un dos concellos no que máis se notaron os efectos de Helena. O parque da praia da Compostela quedou sementado de pólas. Ademais, outros espazos abertos foron onte pechados ao público por motivos de seguridade. Pero a pesares deste panorama, sempre os hai afortunados.