PONTEVEDRA > O Sindicato Unificado de Policía advertiu esta mañá en rolda de prensa da situación crítica que está vivindo a Unidade de Vixilancia en Edificios Xudiciais. Os axentes denuncian que a Dirección Xeral de Policía non abona as súas nóminas dende fai un ano e aseguran que o servizo corre o risco de desaparecer.
O secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía denunciou esta mañá a falta de axentes das forzas públicas nas sedes xudiciais de Galicia, e asegurou que dos 81 efectivos necesarios, só hai 33, o que representa un déficit de persoal do 60%. Unha situación crítica que leva a suprimir o servizo de vixilancia nalgunhas zonas, e noutras, a contratar axentes da seguridade privada.
O pasado 21 de decembro, o Ministro de Interior e o Vicepresidente da Xunta de Galicia firmaron un convenio para o funcionamento das UVEX. Sen embargo, o Sindicato denuncia que o Goberno galego ingresou 1,5 millóns de euros no Tesouro Público e non abonou as nóminas dos axentes.
O Sindicato pide que no mes de febreiro se abonen os atrasos e se regularicen os pagos. Tamén esixen a convocatoria de 32 vacantes para chegar ó 80% dos postos de traballo necesarios nas UVEX, xa que actualmente, en Pontevedra soamente existen tres axentes nesta Unidade.
A Dirección Xeral da Policía ten un prazo de un mes para solucionar o problema que prexudica actualmente a 40 persoas en toda Galicia.
O SUP califica esta situación como “denigrante” e aseguran que é unha falta de respecto para os axentes que levan traballando no servizo público tantos anos.