O primeiro té embotellado coa certificación ecolóxica de Galicia leva o selo dun cambadés

CAMBADOS> Un cambadés pon no mercado o primeiro té embotellado coa certificación ecolóxica de Galicia. Iago Radío é o creador do Bilurico Ready to Drink Tea. A bebida preséntase en tres variedades: Té verde, té negro e infusión de frutas.

A empresa cambadesa Paparroibo Tés e Infusións acaba de sacar ao mercado o Bilurico Ready to Drink Tea. Trátase do primeiro té embotellado coa certificación ecolóxica de Galicia.

Trátase dunha bebida que está completamente libre de conservantes, colorantes, pesticidas e transxénicos.

A bebida preséntase en tres variedades diferentes: Té verde, té negro e infusión de frutas.

A idea de embotellalo xurdiu tralas feiras na que a empresa presentaba as súas infusións. A xente comezou a demandalo e lanzáronse a poñer en marcha esta iniciativa.

Na nosa contorna o refresco está á venda na taberna Traiña de Cambados, na taberna do Náutico en Sanxenxo e en Meis no hotel Novaila. Dende Paparroibo están a traballar para que poida estar á venda en bares, hoteis, restaurantes e supermercados ecolóxicos.