CAMBADOS> A Consellería do Medio Rural repartiu 2,4 millóns de euros entre 27 adegas de Rías Baixas. O seu responsable visitou esta mañá as instalacións da cambadesa Condes de Albarei. José González destacou a importancia do sector do viño, que cualificou como estratéxico e punta de lanza dos produtos de calidade. Tamén adiantou que a súa intención é convocar unha mesa sectorial para recoller as demandas do sector.
Rías Baixas recibiu 2,4 dos 3 millóns de euros habilitados pola Consellería do Medio Rural para proxectos que axuden á elaboración e comercialización dos produtos vinícolas. Foron 27 as adegas da Denominación de Orixe que se beneficiaron destas achegas.
En toda Galicia presentáronse á convocatoria máis de medio centenar de proxectos. Para a nova edición, a intención de Medio Rural é incrementar estas subvencións un 13%, ata acadar os 4,2 millóns de euros. A día de hoxe, xa recibiron 70 solicitudes.
José González visitou esta mañá as instalacións de Condes de Albarei, a adega cambadesa que se beneficiou destas achegas autonómicas. A cooperativa recibirá máis de 424 mil euros para mellorar as súas instalacións, realizando un investimento total de 1,4 millóns de euros.
Antes da súa visita, o Conselleiro do Medio Rural presidiu o pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, no marco do percorrido que está a facer polas cinco DOs galegas. Ademais de recoller as peticións dos representantes do sector, a súa intención é convocar unha mesa sectorial do viño para afondar nestas demandas.