Apoio unánime da corporación de Ribeira á mellora da atención sanitaria

RIBEIRA> Apoio unánime da corporación ribeirense á moción presentada polo BNG para garantir a calidade asistencial na atención primaria. Piden a incorporación de persoal suficiente nos centros médicos de Ribeira e Palmeira.

O salón de plenos quedou pequeno para acoller ós numerosos veciños, maioritariamente de Palmeira, para asistir ó debate dunha moción presentada polo BNG sobre a situación da atención primaria no municipio.

A proposta para garantir a calidade asistencial saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos que amosaron o seu apoio unánime para acabar co colapso sanitario que afecta non só a Ribeira senón a todo o sistema público galego.

Durante o pleno aprobáronse tamén outras propostas como o cambio de usos da antiga comisaría con fins educativos, a segunda prórroga do contrato coa empresa adxudicataria do servizo de axuda no fogar ou a modificación da ordenanza dos prezos públicos da escola infantil.