Tres detidos por presuntas estafas relacionadas co alugueiro de vivendas por internet

BARBANZA> Novo golpe á Ciberdelincuencia. A Garda Civil da Coruña detivo a tres persoas por presuntas estafas relacionadas con alugueiros de pisos. As denuncias dos afectados, entre eles un boirense, permitiron identificar ós autores que usurparan a identidade doutras persoas para a comisión destes delitos.

As denuncias presentadas en Boiro, Culleredo, Oleiros e mesmo na localidade murciana de Lorca permitiron á Unidade de Ciberdelincuencia da Comandancia da Garda Civil da Coruña deter a tres veciños deste municipio como presuntos autores de varios delitos de estafa.

Tódalas vítimas contactaron cos presuntos estafadores a través dun coñecido portal web de alugueiro e compra de vivendas. Utilizando contratos a nome de terceiras persoas, os supostos arrendadores solicitábanlle o ingreso de diversas cantidades en concepto de fianza e primeiro mes de alugueiro para reservar o piso. Sen embargo, unha vez realizada a transacción económica, suspendían toda a comunicación cos afectados.

No transcurso da investigación, a Garda Civil constatou a existencia dun grupo organizado de persoas que suplantaran a identidade de antigos compañeiros de traballo para realizar compras de teléfonos, material informático e dar de alta múltiples liñas telefónicas utilizadas para a comisión das estafas. Procederon entón á detención dun home e dúas mulleres con antecedentes policiais por feitos similares. Impútanselle dos delitos de estafa continuada, falsidade documental e pertenza a grupo criminal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí