BOIRO> O vicepresidente da Deputación da Coruña visitou esta mañá as obras de rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns. A actuación, orzamentada en preto de 110 mil euros, contou cunha achega provincial próxima ós 90 mil euros.
O concello de Boiro segue a avanzar na rehabilitación dunha das súas xoias patrimoniais. Trala rehabilitación do edificio principal do Pazo de Goiáns agora vén de concluír a restauración da capela e o tellado anexo que conecta co Pazo. A actuación supuxo un investimento próximo ós 110 mil euros dos que a Deputación da Corua achegou unha subvención de 88 mil euros.
O vicepresidente e deputado responsable de Patrimonio ratificou o compromiso da administración provincial coa posta en valor deste espazo e agradeceu o esforzo realizado polo concello de Boiro para recuperalo e poñelo de novo a disposición da veciñanza.
Aproveitando a visita do responsable provincial, o alcalde de Boiro trasladoulle a necesidade de financiamento para seguir a rehabilitar tanto a finca como as construcións auxiliares. O proxecto máis inmediato consiste na recuperación do lagar de sidra, a vivenda dos caseiros e as cuadras, situados na entrada da finca, que precisará duns 200 mil euros de investimento.
O vicepresidente provincial amosou a súa disposición a seguir a colaborar na recuperación do Pazo que ademais do seu valor patrimonial destaca polo importante uso cultural que están a darlle as administracións coa organización de todo tipo de eventos.











