Os comuneiros de montes Galicia presentarán un anteproxecto de lei de montes veciñais

VILAGARCÍA> A mancomunidade de Montes de Vilagarcía convoca unha asemblea informativa para todos os comuneiros de Galicia. Na reunión trataranse 3 temas: o anteproxecto de lei de montes veciñais, informar dunha mobilización o 20 de outubro e poñer en común as situacións de cada localidade. A cita terá lugar no auditorio vilagarcián o vindeiro día 27.

Os comuneiros de montes de Galicia alzan a voz ante as continuas modificación dos artigos da lei de montes veciñais que, aseguran, se están a facer no Parlamento Galego. Por iso, cansados de que non se teñan en conta as súas consideracións, elaboraron un anteproxecto de lei de montes veciñais. Antes de presentalo aos diferentes partidos, a organización autonómica quere consensualo con todas a comunidades de montes e por iso convoca  o vindeiro venres en Vilagarcía unha asemblea.

Na asemblea debateranse tres puntos fundamentais: o anteproxecto de lei de montes veciñais, a mobilización do 20 de outubro e poderán poñer en común as diferentes experiencias de cada comunidade. O ante proxecto de lei está composto por moitos puntos importantes como recoñecemento da titularidade polo único requisito da residencia.

Continúan expoñendo que se prohiban as expropiacións.

Tamén piden que se considere aproveitamento do monte aqueles aproveitamentos non maderables que produza o monte, como por exemplo os parques eólicos que teñen carácter xeral.

Outros dos puntos que sobresaen, entre todos os que conforma o anteproxecto, son compensación polas accións que realizan os comuneiros e que benefician a toda a sociedade e a eliminación de todas as débedas que teñen os convenios dos consorcios.

O segundo punto da asemblea ten que ver coa manifestación que o día 20 en Santiago levarán a cabo diversas entidades que traballan no medio rural. Para finalizar terá lugar un debate no que as diferentes comunidades compartiran experiencias que podan ser interesantes para todos os comuneiros.