SANXENXO> Sandra Fernández non continuará liderando ao BNG de Sanxenxo nas vindeiras eleccións. A nacionalista alega motivos persoais polos que non poderá dedicar o esforzo que necesita tanto a formación como a veciñanza. O seu cargo será ocupado por Fran Leiro que entrará no concello de Sanxenxo nas vindeiras datas grazas á dimisión da súa compañeira Andrea Ucha.
Tras dezaseis anos como concelleira do BNG en Sanxenxo, Sandra Fernández deixará a primeira liña da formación. A actual voceira nacionalista anunciou, aguantando a emoción, que por motivos persoais non continuará ao fronte do BNG nas vindeiras eleccións ao non poder dedicar o esforzo e entrega necesarios.
Ao longo destes anos Sandra Fernández foi unha destacada edil do concello de Sanxenxo, participando en numerosas manifestación sociais, especialmente a favor da educación e da sanidade da vila. A nacionalista tamén formou parte do goberno local do 2015 ao 2017. A súa valoración de todos estes anos dedicándose aos veciños de Sanxenxo é moi positiva.
Sandra deixa a primeira liña do BNG e o fai coa cabeza alta, agradecida polo traballo e o apoio dos compañeiros da súa formación, pero tamén con boas palabras para o resto de edís do concello sanxenxino. O seu posto ocuparao Fran Leiro, enxeñeiro de telecomunicacións e veciño de Portonovo que manterá a liña política de Snadra.
Para irse preparando para as vindeiras eleccións, Andrea Ucha dimitirá como concelleira de Sanxenxo e o seu posto ocuparao Fran Leiro. Sandra Fernández continuará como voceira ata as vindeiras eleccións.