‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ continúa o seu periplo contra a violencia machista

CAMBADOS> A campaña Mulleres en Acción. Violencia Zero volveu esta mañá a Cambados. O IES Ramón Cabanillas acolleu a oitava acción artística do programa que acumula xa catro edicións ás súas costas. A través da performance “O que segue”, a artista cambadesa Cristina Bravo reflexionou sobre os diferentes episodios de violencia que vivimos dende a infancia.

“Cante jondo”, un monólogo, un xogo e música tecno para reflexionar sobre a violencia dende a infancia.

Todos son elementos da acción artística “O que segue”, da artista cambadesa Cristina Bravo. Esta mañá representouse no Instituto Ramón Cabanillas, no marco da campaña “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra.

O programa naceu para visibilizar a situación real da igualdade entre homes e mulleres. Antes da performance, Carmela Silva trasladou datos reais aos alumnos e alumnas do centro.

A presidenta provincial tamén recordou ás vítimas que a violencia machista deixou no que levamos de 2019. A día de hoxe, nove mulleres foron asasinadas fronte ás catro do ano pasado por estas datas.

Comments are closed.