RIBEIRA> O goberno de Ribeira sacou adiante a súa proposta de organización que contempla sete dedicacións exclusivas para membros do executivo. O alcalde acusou ó PP de falsear os datos aclarando que tan só suporán unha suba de 23 mil euros anuais con respecto ó anterior goberno.
O pleno de Ribeira aprobou a proposta de dedicacións do novo goberno, 7 exclusivas que acordaron conxelar ó longo de toda a lexislatura. O alcalde e os voceiros de PBBI e PSOE, socios de goberno do BNG, defenderon a súa proposta ante o que cualificaron de falsidades por parte do PP, único grupo da oposición, que acusou ó actual goberno de ser o máis caro da historia de Ribeira.
Lonxe disto, o rexedor aclarou que a proposta de dedicacións supón unicamente unha suba de 23 mil euros con respecto ós seus antecesores. explicou que o PP toma como base para calcular a diferenza os soldos aprobados en 2019 e non as dos últimos anos coa única intención, din, de embarrar e mentir á cidadanía.
Durante a sesión aprobouse tamén a periodicidade dos plenos que seguirá sendo mensual e as asignacións por asistencia que ascende a 120. Os membros da xunta de voceiros e da xunta do goberno local percibirán 60 euros por sesión. Tamén saíu adiante por unanimidade a proposta de persoal eventual para os postos de secretario de alcaldía e responsable de comunicación.









