A ILLA> O porto do Xufre contará con máis de 120 prazas de amarre novas. Os traballos de construción dos pantaláns xa están en marcha, e estarán rematados no último trimestre deste ano. A obra conta cun investimento de 3,4 millóns de euros da Consellería do Mar.
O sector mexilloeiro da Illa contará con 122 novas prazas de amarre para as súas embarcacións. Están en marcha os traballos para a construción dos novos pantaláns no porto do Xufre, que mellorarán o servizo a estes barcos.
A actuación conta cun investimento da Consellería do Mar de 3,4 millóns de euros, e calcúlase que estará rematada para o último trimestre do ano. Deste xeito, aténdese unha demanda histórica do sector.
A dotación de novas prazas para bateeiros vén completar outras actuacións que a Consellería do Mar realizou nos últimos anos no peirao insular.
Segundo cálculos da Consellería, dende 2009 a Xunta investiu no Xufre máis de 10 millóns de euros.