Deputación e Concello de Sanxenxo analizan proxectos en marcha e novas actuacións nas estradas provinciais

SANXENXO> A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, confirmando o compromiso da institución provincial con os proxectos prioritarios do Concello.

Esta mañá, Isabel Couselo mantivo unha xuntanza co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e membros do Goberno local, entre os que se atopaba o concelleiro e deputado provincial, Marcos Guisasola, para afondar nos proxectos en marcha, e en novas actuacións nas estradas das súa competencia.

Couselo subliñou que o obxectivo do encontro era “escoitar as prioridades do Concello de Sanxenxo en canto ás vías provinciais que atravesan Sanxenxo” e, neste sentido, confirmou a vontade da Deputación de impulsar os proxectos prioritarios para o Concello.“Queremos desatascar –asegurou a deputada provincial – actuacións que había en marcha nas estradas provinciais ao seu paso por Sanxenxo que non deron saído adiante e nós buscamos resolver canto antes”.

Ambas partes estableceron como obxectivos prioritarios o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9208 Noalla-Aios, cun orzamento de máis dun millón de euros. Tamén se acordou desbloquear a actuación de mellora da seguridade viaria na EP-9206 entre Portonovo – Vichona e rúa do Río, cuxo proxecto está xa nestes momentos modificándose no servizo de Infraestruturas da institución provincial.