O albergue de Pontevedra contará con 18 prazas máis

PONTEVEDRA>  A Xunta de Galicia ampliará o número de prazas dispoñibles no albergue de peregrinos de Pontevedra. Deste xeito, o goberno galego busca satisfacer a crecente demanda que está vivindo o Camiño Portugués, unha das rutas de peregrinación máis reclamadas nos últimos anos.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou esta mañá o albergue de peregrinos de Pontevedra para anunciar o aumento de prazas co obxectivo de satisfacer a demanda existente.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués levaba moito tempo pedindo esta ampliación e por iso, aproveitando o acto desta mañá, o seu presidente convidou ó Conselleiro a visitar o albergue nas épocas de maior afluencia para comprobar, de primeira man, a demanda real que existe.

Román Rodríguez destacou tamén o aumento de afluencia no Camiño Portugués, xa que é  unha das rutas de peregrinación que máis está crecendo nos últimos anos. Un itinerario no que a Xunta de Galicia está a investir 6,5 millóns de euros.

O albergue de Pontevedra habilitará por tanto un novo espazo cunha vintena de camas. Con este aumento, o centro pasará a ser o de maior capacidade dentro do Camiño Portugués.

Comments are closed.