BOIRO> A primeria hora desta mañá no Concello tiña lugar unha reunión de seguimento do caso, na que tomaron parte ademais do alcalde e o tenente de alcalde, a concelleira delegada de Medio Ambiente, así como tamén persoal deste departamento e membros de Protección Civil e Policía Local.
A aparición, a semana pasada, de dúas vacas mortas, nun dos afluentes do río Coroño, do que o Concello se surte de auga para a traída municipal, obrigou ó Concello a ter que pechar o sistema de captación na zona de Cubelo.
Fíxoo como medida de precaución, ata que non dispoña do resultado das analíticas realizadas.
Dende o Concello mandan unha mensaxe de tranquilidade ós veciños asegurando que a auga que se consume en Boiro ten tódalas garantías e pasa tódolos controis pertinentes.
Aínda así, para evitar riscos, e mentres se agarda polo resultado das analíticas, empregarase só o subministro de auga procedente do Ulla.
As dúas vacas xa foron retiradas a través da empresa Gesuga, que se encarga da xestión dos residuos cárnicos que non son destinados ó consumo humano.
O Concello xa lle notificara previamente ó seu propietario a obriga da retirada dos animais, que ó non facelo deberá asumir agora os gastos.
Como é habitual nestes casos mantivo informado á consellería do Medio Rural das actuacións, trasladándolle todo o expediente ó Seprona para que leve a cabo tamén o procedemento sancionador correspondente.











