A ILLA> Os bateeiros están en pé de guerra. A primeira hora desta tarde percorreron a Illa de Arousa nunha multitudinaria manifestación. A xuntanza coa Consellería do Mar rematou onte sen acordo, e o sector rexeita a norma que regula a extracción da mexilla. Insisten en que a delimitación de zonas para esta tarefa atenta contra os intereses do sector.
As rúas da Illa de Arousa convertéronse esta tarde no escenario do clamor de todo un sector. Os bateeiros de toda Galicia están en pé de guerra.
Denuncian que a delimitación das zonas de extracción da mexilla imposta dende a Consellería do Mar atenta contra os intereses do sector. Advirten, incluso, que suporá unha importante caída na produción do mexillón galego.
Cren que nesta norma a Xunta só escoitou ao sector dos percebeiros, que defenden que a recollida de cría do mexillón pode prexudicar a reproducción do percebe. Coa manifestación de hoxe, os bateeiros queren dar un golpe na mesa.
A reunión de onte coa Consellería do Mar rematou sen acordo. O sector do mexillón acúsaa de secuestrar a mexilla e aseguran que non volverán sentar ata que non se retire esta limitación.
Hoxe percorreron a Illa de Arousa. Dende a ponte ata o concello, onde ás 6 da tarde a corporación municipal pechou filas ao redor do sector nun pleno extraordinario.
Fundamental que se retome este tema doutro xeito e non prexudicar o sector.
Esta é a primeira mobilización dun calendario que os bateeiros de toda Galicia levarán adiante para reclamar a retirada destas delimitacións para a extracción da cría do mexillón.