RIBEIRA> O nacionalista Luís Pérez Barral será o novo alcalde de Ribeira. Así o establece o acordo asinado esta mañá entre BNG, PBBI e o PSOE. O independente Vicente Mariño e o socialista Francisco Suárez-Puerta asumirán as tenencias de alcaldía.
Tras días de rumores, especulacións e movementos de última hora, esta mañá confirmábase o cambio de rumbo no goberno municipal de Ribeira. BNG, PBBI e PSOE facían oficial o acordo acadado entre as tres forzas para integrar un tripartito encabezado polos nacionalistas.
Vicente Mariño e Fran Suárez-Puerta ocuparán a primeira e segunda tenencia de alcaldía nun goberno composto por tres grupos que, lembran, xa se teñen posto de acordo en cuestións fundamentais para Ribeira.
Ademais das liñas básicas de traballo para a vindeira lexislatura o acordo recolle a estrutura do futuro goberno. Ademais da alcaldía, o BNG asumirá as concellerías de Urbanismo, Persoal, Seguridade Cidadá, Mobilidade e Normalización Lingüística, Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal, Infraestruturas e Obras, Deportes, Transparencia e Participación Veciñal, Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias, Promoción, Económica, Emprego e Consumo.
Pola súa banda, o PBB xestionará catro áreas de goberno: Servizos Sociais e Mercados Municipais, Economía e Facenda, Medio Rural e Servizos Municipais, Sanidade e Mar.
O concelleiro socialista asumirá as competencias en Turismo, Festexos, Relacións Institucionais e Novas Tecnoloxías.











