CCOO estuda denunciar á CIG por ‘falsidade de documento público e difamacións’ no conflito de Thenaisie Provoté

O GROVE> Duro enfrontamento entre CIG e Comisións Obreiras polo futuro de Thenaisie Provoté. Comisións saíu esta mañá ao paso das acusacións que o pasado venres fixo contra eles o sindicato nacionalista. Para o sindicato, a de Tomás Guillén é a única oferta válida e que garante o futuro da fábrica xa que, aseguran, as outras dúas foron presentadas fóra de prazo e non cumpren o prego de liquidación. Aseguran, ademais, que están a estudar denunciar á CIG por difamación.

Comisións Obreiras deféndese das acusacións que o pasado venres lanzou contra eles o sindicato CIG pola situación de Thenaisie Provoté.

O enfrontamento entre ambas plataformas sindicais xira ao redor das ofertas de última hora pola conserveira. Hai tres sobre a mesa: Canet Ferrero Inversiones, Rías Baixas e Tomás Guillén. Segundo Comisións, delas tan só a última é válida e garante o futuro da fábrica.

Este posicionamento  non gustou ao sindicato CIG. O venres defenderon que as alegacións de Comisións son únicamente ‘tecnicismos’ que van contra as dúas ofertas que máis emprego garantirían, case a totalidade dos postos de traballo. Pero segundo Comisións estas propostas non buscan xerar unha actividade de calidade nin teñen plan de futuro para a conserveira.

Comisións Obreiras explicou tamén que a súa postura foi avaliada o sábado na asemblea dos traballadores afiliados ao seu sindicato que, aseguran, son a maioría da fábrica. Hoxe anunciaron que están estudando denunciar á CIG.

Na rolda do venres a CIG tamén anunciou que levarán aos tribunais tanto a alegación de Comisións Obreiras como á administración concursal. Tamén todas aquelas posturas que consideren que atentan contra a defensa dos empregos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí