Cor, retranca e crítica local no desfile do Entroido pontevedrés

PONTEVEDRA> O comezo do Entroido pontevedrés foi todo un éxito. Miles de persoas achegáronse ata o centro da cidade para desfrutar dun desfile que durou máis de catro horas e no que no faltaron as cores, a retranca e a crítica local.

A música e o espectáculo, xunto coa crítica o humor e a sátira, foron os protagonistas do arranque do Entroido pontevedrés. O pregón da comparsa Os Solfamidas xa facía presaxiar que ían a ser unhas festas cheas de diversión e de crítica local e nacional, e así foi.  O Entroido comezou coa choiva en forma de “lágrimas de alegría” e con Lores tocando o bombo; e continuou na xornada do sábado cun desfile longo pero moi esperado. Durante máis de catro horas, os pontevedreses desfrutaron de baile, de cor e de música, pero tamén de moitas sátiras. As máis aplaudidas, a agresión do camioneiro a dous ciclistas cun martillo ou as luces do Nadal vigués. Tampouco faltou o dúo Franco-Santiago Abascal ou a crítica á política migratoria cunha representación do barco Aquarius.

A crises do comercio local tamén estivo moi presente con numerosos escaparates andantes das tendas máis tradicionais da cidade.

En canto os premios das comparsas, Amoriños de Bora fíxose coa primeira posición, seguida de Os da Caña e dos pregoeiros destas festas, Os Solfamidas.

Un Entroido que continúa co Concurso de Murgas e coa tan esperada Noite Pirata, que se celebrará mañá a partir das 22 horas.