BOIRO> Boiro Novo propón homenaxear ás mariscadores dando o seu nome a unha rúa do municipio. Na zona de Barraña existen varias rúas numeradas sen denominación propia polo que suxiren que se lles dedique unha delas.
Hai xa un ano que Boiro Novo levou a pleno unha moción solicitando que se aumentara o número de rúas dedicadas a mulleres no municipio. Malia que daquela foi aprobada por unanimidade, non se fixo nada por dar cumprimento ó acordo. Por esta razón levarán a pleno este mes unha proposta concreta.
Dado que na zona de Barraña existen varias rúas numeradas sen nome, propoñen á corporación que sexa unha delas a que reciba o nome das mariscadores.
Demandan ademais a colocación dalgún elemento artístico que axude a visibilizar o traballo e a contribución á economía boirense que realiza este colectivo.