A presidenta da Deputación de Pontevedra reclama que a muller ocupe o espazo que lle corresponde

PONTEVEDRA> Na Deputación de Pontevedra tanto a presidenta como as deputadas do goberno provincial secundaron hoxe a xornada de folga. Tamén moitas das funcionarias da institución provincial. O único acto da axenda provincial para esta xornada foi unha concentración no vestíbulo do Pazo Provincial. A presidenta Carmela Silva foi a encargada de ler un manifesto no que se reclamou que a muller ocupe o espazo que lle corresponde.

Sopran ventos feministas na Deputación de Pontevedra. A institución provincial sumouse ó paro de mulleres de 24 horas. A axenda provincial estivo hoxe despexada e foron poucas as funcionarias que acudiron ó seu posto de traballo.

O único acto da xornada tivo lugar no vestíbulo do Pazo Provincial. Alí deuse lectura a un manifesto, coa cor morada das paredes mesturándose coas flores brancas adornando as solapas de moitas mulleres, como as que usaban as sufraxistas a finais do século XIX para recoñerse.

A presidenta provincial foi a encargada de poñerlle voz. Carmela Silva reivindicou para a muller o espazo que lle corresponde na sociedade.

O manifesto da Deputación tamén serviu para lanzar unha advertencia: na loita pola igualdade, nin un paso atrás.

No único acto organizado nesta xornada pola Deputación de Pontevedra tamén estiveron presentes as deputadas do goberno provincial, a subdelegada do goberno en Pontevedra e moitas das traballadoras da administración pontevedresa que tamén se sumaron á folga de mulleres.