Un home asasina a súa muller en Valga e despois suicídase

VALGA> O de Valga foi o primeiro crime machista rexistrado en Galicia neste 2019. O home asasinou á súa muller dun tiro de escopeta no peito. Despois, suicidouse coa mesma arma. Foi un dos dous fillos do matrimonio o que localizou os cadáveres na vivenda que compartían na casa familiar de Bronllo, en Setecoros. Non había denuncias previas.

Dous días despois das multitudinarias manifestacións polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a violencia machista sacudía o concello de Valga. O mediodía do domingo, Javier Bello, veciño de Setecoros de 46 anos e natural da parroquia caldense de Carracedo, asasinaba dun tiro de escopeta de caza á súa muller, María José Aboy, de 43. Disparoulle no peito para despois suicidarse. O suceso producíase na vivenda que ambos compartían no lugar de Bronllo.

O matrimonio tiña unha filla e un fillo de 18 e 23 anos. Precisamente, foi o mozo o que descubriu o crime. Quedaran para xantar na casa duns familiares e, soprendido pola tardanza dos pais, achegouse ata a vivenda. Ao atopar a porta fechada, outros parentes axudárono a romper unha fiestra para entrar no domicilio.

Os feitos están a ser investigados pola Garda Civil e os xulgados de Caldas.