Caldas apúntase á moda do tapeo cunha ruta na que participan dez locais

CALDAS> O concello de Caldas e a Asociación de Hostalería da vila impulsan a I Ruta de Tapas na que participan dez locais. Poderanse degustar por tan só tres euros entre este venres e o domingo. Este martes desvelaron as propostas coas que participan, poñendo en valor que están elaboradas con produtos de calidade e de quilómetro cero. Un xurado profesional e os propios clientes poderán escoller as creacións gañadoras. A cambio, entrarán no sorteo de vales de compra e dous abonos para o Portamérica.

Teñen boa pinta e saben aínda mellor. Son as propostas que compoñen a oferta da primeira Ruta de Tapas de Caldas. Unha iniciativa que impulsan conxuntamente o concello e a Asociación de Hostalería da Vila para este venres, sábado e domingo.

Con esta ruta pretenden dinamizar o municipio, na conta atrás para a Semana Santa, apostando por produtos de calidade e proximidade.

Na oferta da ruta podemos atopar de todo un pouco, salgado e doce, pero todo moi abundante. Pedímoslle a algúns dos locais que nos falen da súa creación.

As mellores tapas serán elixidas a través dun xurado experto e co voto popular da clientela.

E o público, por participar, poderá facerse con algún dos premios.

Ademais durante a fin de semana, a ruta de tapas será amenizada nas tres xornadas por dous grupos locais. A iniciativa, xa adiantan, nace con vocación de continuidade para o ano que vén.