Valga decreta tres días de loito oficial polo asasinato machista de Bronllo

VALGA> Valga decreta tres días de loito oficial polo asasinato machista dunha das súas veciñas. Nunha emotiva sesión extraordinaria, a corporación aprobou por unanimidade unha declaración na que condena o crime vivido onte no lugar de Bronllo, na parroquia de Setecoros. Un veciño mataba dun disparo á súa muller para despois suicidarse. Hoxe o concello expresou a súa repulsa e a tolerancia cero ante calquera comportamento machista.

Valga chora o asasinato machista da súa veciña María José Aboy a mans do seu marido. En sesión extraordinaria, a corporación decretou tres días de loito oficial polo crime rexistrado onte no lugar de Bronllo, na parroquia de Setecoros.

Ás doce do mediodía, veciños e membros da corporación entraban con caras serias no salón de plenos. A concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, foi a encargada de ler unha declaración institucional apoiada por Partido Popular e Partido Socialista. No texto, expresaron a súa máxima condena a este asasinato machista.

A través da declaración institucional, a corporación apelou ao traballo conxunto entre institucións e cidadanía para erradicar a violencia machista. Un obxectivo para o que se precisa, aseguraron, de toda a sociedade.