CAMBADOS> En Marea recolleu en Cambados as preocupacións dos sectores do mar e do comercio. Acompañado dos representantes das Mareas na comarca do Salnés, Luis Villares mantivo encontros con mariscadores, o Consorcio de Comercio e asociacións de comerciantes dos diferentes concellos. A suba nas cotas da seguridade social para os traballadores do mar, e a regulación dos períodos de rebaixas, foron algúns dos temas que estiveron sobre a mesa.
En Marea levará ao Parlamento a suba nas cotizacións das mariscadoras. Luis Villares reuniuse esta mañá con representantes do colectivo en Cambados para recoller de primeira man as súas reclamacións. Tamén acusou ao goberno do PSOE de non escoitar aos traballadores do mar.
No seu paso por Cambados, Villares tamén se reuniu con representantes do pequeno comercio da comarca. No encontro abordaron a preocupación do sector pola regulación dos períodos de rebaixas.
Como representante dos comerciantes salinienses, o presidente do Consorcio de Comercio do Salnés trasladou a Villares outras inquedanzas do sector, como a competencia dos xigantes de internet.
Á reunión tamén asistiron representantes de asociacións locais de comerciantes.