A Pousada de Ribadumia conta con todos os permisos do concello para iniciar a actividade

RIBADUMIA> O concello de Ribadumia non quere responsabilidades nos retrasos na apertura da Pousada, que xa conta coas licenzas pertinentes. O alcalde explicou esta mañá paso a paso como foi a xestión para a legalización do polémico edificio; un proceso que se remonta ao ano 2010. David Castro sinalou aos anteriores executivos do concello e da Deputación de Pontevedra como os responsables da demora.

Despois dun proceso longo e complicado e de case unha década, a Pousada de Ribadumia conta xa con todos os documentos precisos para a súa apertura. O concello concedeu ao inmoble a licenza municipal de apertura, pendente de rematar a urbanización da contorna.

Segundo Castro, dende que o seu equipo entrou no goberno, o Partido Popular acusounos de poñer atrancos para a apertura do edificio. O alcalde explica que a documentación estaba chea de erros, como a construción de plantas que non figuraban no proxecto inicial ou a ocupación de solo pertencente á Igrexa. No 2015, o concello pediu por primeira vez o expediente de legalización, pero non foi ata o ano pasado cando a Deputación o mandou.

Con estes trámites, o concello dá por rematada a súa intervención neste procedemento pragado de momentos críticos que puxeron en dúbida a viabilidade do proxecto. Agora, aseguran, a Pousada ten a documentació precisa para comezar a súa actividade.

David Castro asegurou que o concello explicará o procedemento a calquera veciño que o pida. Tamén afirmou que informarán ao candidato do Partido Popular á alcaldía, Martín Vázquez, destas xestións.