Meis aposta por grandes empresas 4.0 para o seu parque empresarial

MEIS> Un proxecto diferenciador, respectuoso co medio ambiente e capaz de atraer a empresas 4.0. Estes son os plans de futuro que o concello de Meis ten para o seu polígono empresarial. O goberno local decidiu separar o seu terreo do polígono de Barro, e comezou a redactar un proxecto para desenvolvelo. Asegura que xa hai empresas potentes interesadas na súa proposta.

O polígono de Meis independízase do de Barro para poñer en marcha un camiño propio. O concello xa encargou a redacción dun proxecto diferenciador, que ofreza condicións diferentes aos do seu veciño.

Nesta fase inicial do proxecto, as empresas redactoras distribuíron o espazo tendo en conta a existencia da conca dun río. A superficie de preto de 170 mil metros cadrados dividirase en dúas grandes parcelas de 50 mil e 35 mil metros cadrados, que se poderían parcelar nun futuro, pero que nacen pensadas para atraer proxectos industriais singulares.

O parque contará tamén cun sistema propio de tratamento da auga, cun sistema de drenaxe urbano sostible, e reducirá a construción da rede viaria. Tamén reservará unha parcela para equipamentos públicos.

O alcalde asegurou que xa hai varias empresas interesadas, e pensa iniciar as reunións a vindeira semana. As compañías que decidan instalarse no parque empresarial de Meis asumirían o papel de promotoras. O desenrolo urbanístico, que tería un custo aproximado de 4 millóns de euros, iría paralelo ás conversas e compromisos coas empresas. A intención do concello é poñelo en marcha canto antes.