Os afectados do incendio espertan do pesadelo

RIANXO> Esta mañá achegámonos de novo á zona para ver o alcance dos danos e falar con algún dos veciños afectados. A súa cara era hoxe de maior tranquilidade, despois dos momentos de tensión vividos onte coas lapas a piques de chegar ás súas casas.

É o caso de Marina, na zona da Pousadeira, en Rianxiño. A súa casa foi onte un ir e vir de xente. Familiares, amigos e veciños anónimos…pero tamén numerosos medios, acudiron na súa axuda para evitar que as lapas devorasen a súa vivenda. A piques estivo, quedándose a apenas centímetros. As mangueiras evitárono…a todos eles dalle agora as grazas…

Pero sobretodo Marina non podía agochar o seu enfado. Segundo ela contra aqueles propietarios con terreos sen desbrozar a carón das casas e contra os que a Administración non actúa.

Non moi lonxe de alí, na zona da Pedreira, compartimos tamén uns minutos con Emilio. Xubilado do sector madeireiro. Nos seus ollos podía verse a emoción e o medo vividos. O lume estivo a piques tamén de chegar á súa casa.

A de onte foi a segunda vez que veu o lume preto. No 2006 a cousa foi aínda peor…tiveron que desaloxalo xunto coa súa muller a causa do intenso fume.

Foron dous exemplos dos moitos máis que houbo noutras zonas e lugares do Concello como é o caso de Cabanas, Meiquiz, Or, Somoza ou Burés. Un testemuño da loita e da unión fronte a adversidade.