CAMBADOS> O Partido Popular de Cambados ve con bos ollos a peonalización da praza de Fefiñáns. Non así a xestión de José Ramón Abal desta reordenación do tráfico. Luis Aragunde explicou que os populares son partidarios dun plan estratéxico consensuado cos veciños. Tamén de implantar o peche de xeito gradual.
A unanimidade entre os partidos políticos a favor da peonalización da praza de Fefiñáns da que onte falaba o edil responsable de tráfico parece ser unha realidade. O líder do PP cambadés apoiaba esta mañá a medida. Non así, a xestión de José Ramón Abal.
Luis Aragunde propón varias medidas que, asegurou, mellorarían a peonalización. Implantar a zona azul para regular os horarios dos aparcadoiros ou impulsar actividades que dinamicen a praza, son algunhas delas. Tamén reclama o consenso con hostalerios, comerciantes e veciños.
O líder dos conservadores criticou o cambio de postura de José Ramón Abal. Recordou que precisamente non pechar Fefiñáns ao tráfico fora unha das condicións do edil de Cambados Pode no pacto de goberno asinado cos seus socios nestas lexislatura.
Aragunde tamén cualificou a José Ramón Abal de chapuceiro por mor da polémica limpeza da praza de Fefiñáns. Recordou que a actuación lle valeu a apertura dun expediente por parte de Patrimonio.