Barbanza Arousa recupera as orixes da súa industria a través de ‘Voces da Conserva’

BOIRO> A Mancomunidade Barbanza Arousa presentou o documental ‘Voces da Conserva’, un percorrido pola historia da conserva e a salgadura na comarca. A entidade levará esta peza audiovisual a FITUR, que se celebra a próxima semana en Madrid, para promocionar o Barbanza como destino enogastronómico.

Barbanza Arousa busca recuperar a esencia propia do territorio para diferenciarse do resto de destinos turísticos. E esa esencia reside precisamente na riqueza enogastronómica da comarca, froito dun pasado ligado á industria da conserva e da salgadura. Co obxectivo de dalo a coñecer, a entidade presentou o documental ‘Voces da Conserva’ , que dá idea do peso desta industria tanto no pasado como no presente a través dos seus protagonistas.

O documental, que será presentado a próxima semana en FITUR, forma parte dun proxecto moito máis ambicioso enmarcado no Plan de Sustentabilidade Turística, dotado cun millón e medio de euros dos fondos Next Generation.

Estes novos espazos ofrecerán ó visitante unha experiencia inmersiva para afondar nun territorio marcado pola súa historia.