“Obradoiros de Corresponsabilidade” para loitar pola igualdade en Cambados

CAMBADOS> O Concello de Cambados mantén a súa aposta pola igualdade e pon en marcha os Obradoiros de Corresponsabilidade. O obxectivo é romper co estereotipo de traballos para homes ou para mulleres. Os cursos terán lugar do 9 ó 12 de Abril.

Na loita pola igualdade búscase romper ca idea de que existen traballos para homes e traballos para mulleres. O Concello de Cambados implícase nesta materia e impulsa os Obradoiros de Corresponsabilidade. Para a alcaldesa estas son actividades básicas para a convivencia no fogar.

O obradoiro esta dividido en catro cursos: Mecánica, Fontanería, Electricidade e Cociña básica. Serán impartidos por técnicos especialistas e no caso do curso de cociña por unha bloguer gastronómica.

Mónica Novás resalta a importancia de que o curso estea dedicado tanto a homes como a mulleres, para adquirir coñecementos básicos que todos deberíamos ter.

Os cursos terán lugar do 9 ó 12 de Abril. A inscrición xa está aberta e é gratuíta. Cada taller consta de 25 prazas e levaranse a cabo en Exposalnés, agás o de cociña, que será no salón Peña.