“Mulleres en acción, violencia zero” no Grove para concienciar os máis mozos da lacra da violencia machista

O GROVE> Levar ás rúas o berro reivindicativo a través da arte. Baixo este lema o programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción, violencia zero” chegou hoxe ó instituto do Grove coa actuación musical de Rendi Nue. O obxectivo é concienciar ós máis mozos para acabar ca violencia de xénero.

O pasado setembro a Deputación de Pontevedra puxo en marcha a 4ª edición do programa “Mulleres en acción, violencia zero” para loitar contra o machismo. O proxecto leva ós concellos da provincia diferentes representacións protagonizadas por mulleres. Hoxe chegou ó alumnado do instituto Monte da Vila, no Grove.

A Concelleira de Igualdade destacou a importancia da implicación tanto do instituto como do alumnado nestas actividades.

Pola súa parte, a deputada de Cohesión Social e Xuventude fixo un repaso dos casos de violencia machista na nosa comunidade: o número de asasinadas, de violadas e de denuncias por malos tratos. Digna Rivas resaltou a importancia de educar en valores para que os máis mozos tomen conciencia nesta loita.

O alumnado puido gozar da actuación de Rendi Nue. A rapeira de Toledo, antes de cantar, quixo alentar ós escolares a que persigan os seus soños, especialmente a aquelas rapazas que queiran dedicarse á música. O programa continuará con máis representacións ata novembro, en diferentes especialidades artísticas como música, danza, performance ou poesía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí