Boiro limita a trinta quilómetros por hora o centro urbano do municipio

BOIRO> A medida xa está a ser implementada coa sinalización das principais rúas de sentido único de circulación do casco urbano.

Dar prioridade ós peóns no núcleo urbano, mellorando a circulación e a seguridade dos viandantes. Este é o obxectivo que segundo o alcalde, Xosé Ramón Romero, busca esta medida que xa se está a poñer en marcha coa sinalización das principais vías municipais de sentido único do casco urbano. A partir de agora a velocidade máxima permitida redúcese do 50 a 30 quilómetros por hora.

Esta actuación completarase co pintado de zonas de estacionamento para motos, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal.

Deste xeito o executivo local segue a dar pasos definitivos de cara a conseguir unha mobilidade máis sostible e saudable. Neste sentido atópase tamén a solicitude á consellería de Infraestrutura de limitar o tránsito de vehículos pesados pola rúa Principal.