O PSOE do Salnés pide explicacións pola contratación de Aspérez na Deputación de Pontevedra

O SALNÉS> Os alcaldes socialistas do Salnés piden explicacións pola contratación de José Manuel Aspérez, concelleiro de Meaño Independente, como administrativo do gabinete do presidente da Deputación de Pontevedra. Os rexedores cren que é o pago que recibe dos populares despois de devolverlles a presidencia da Mancomunidade do Salnés co seu voto na moción de censura celebrada hai algo máis dun ano. Denuncian que, segundo se recolle no Portal de Transparencia da Deputación, Aspérez cobraría 36.000 euros anuais.

36.057 euros ao ano é o salario que, segundo o Portal de Transparencia da Deputación de Pontevedra, cobraría José Manuel Aspérez, concelleiro de Meaño Independente, como membro do gabinete do presidente provincial.

Para explicar esta contratación, os alcaldes socialistas remóntanse a algo máis dun ano atrás. Cren que é o pago do Partido Popular a Aspérez por devolverlles a presidencia da Mancomunidade do Salnés co seu voto na moción de censura.

Agora piden explicacións a Luis López, presidente da Deputación e líder do Partido Popular na provincia de Pontevedra. Acúsano de utilizar a administración en beneficio do seu partido. Tamén queren que se pronuncien o PP do Salnés e o presidente da Mancomunidade, David Castro.

Segundo os socialistas, a contratación de Aspérez é un exemplo das prácticas caciquís e de compra de favores que realizan os populares cando acceden ao poder.