PONTEVEDRA> Estes datos non coinciden cos facilitados hoxe por varios sindicatos. Representantes da CIG, CSIF, CCOO, UXT, TSP e SATSE convocaron esta mañá unha rolda de prensa para pedir a cesión da xerencia da área sanitaria. Neste acto, estes colectivos fixeron tamén un balance da situación actual da área.
O Sergas ofrece cada día os datos dos casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Así e todo, estes datos corresponden sempre aos rexistrados na xornada anterior. Hoxe, representantes de varios sindicatos fixeron públicos as cifras que lles facilitou Sanidade esta mañá. Segundo estas cifras, os casos activos ascendían, ás 8h da mañá, a 572, 41 positivos menos cos datos que ofreceu o Sergas.
Outro dos números que sorprende é o correspondente aos pacientes falecidos nesta área. Nas cifras ofrecidas polos sindicatos, estes datos sepáranse en dúas partes. A de covid positivos, é dicir os pacientes que tiñan coronavirus no momento de perder a vida, e os Covid negativos, pacientes que non tiñan coronavirus no momento de falecer pero que si o tiveron con anterioridade. O Sergas soamente fai público o primeiro dato.
Unha falta de transparencia que motivou hoxe a varios sindicatos a pedir o cese da xerencia da área sanitaria.
Ademais da falta de transparencia, estes sindicatos definiron como “criminal” a actitude que está a adoptar o Sergas.
Preocupa, en especial, a situación das enfermeiras, o sector que máis contaxios rexistrou durante a pandemia. En concreto, o 34% dos positivos confirmados entre o persoal sanitario corresponde a este sector. Enfermeiras que, ademais, contan con contratos precarios.
As demandas dos sanitarios seguen sen ser respondidas por parte da xerencia desta área sanitaria. Unha situación que se une ao brote rexistrado nos últimos días entre o persoal de Urxencias de Montecelo. Por todo isto, os sindicatos pediron hoxe a dimisión do equipo directivo.