Salvamento Marítimo rescata a dous mariñeiros de Ribeira en apuros

RIBEIRA> Os servizos de Salvamento Marítimo tiveron que socorrer esta pasada madrugada ós dous tripulantes do ‘Uxía 5’. Unha embarcación con base en Ribeira en apuros ó norte da illa de Sálvora. Os dous mariñeiros foron rescatados sans e salvos.

A base de Salvamento Marítimo de Fisterra recibía a sinal de auxilio procedente do ‘Uxía 5’ ó redor das tres desta pasada madrugada. A embarcación, xa sen goberno, partía contra as rochas preto de Vionta, ao norte da illa de Sálvora.  Desde o centro de salvamento mobilizaron inmediatamente ó barco ‘Salvamar Sargadelos’ e ó helicóptero de rescate ‘Pesca I’. Foi este último o que recolleu ós dous tripulantes da embarcación, trasladándoos ó porto de Vigo, dende onde foron derivados ó hospital Álvaro Cunqueiro. Ningún dos dous mariñeiros corre perigo. Un deles, o armador do barco, continuaba ingresado esta mañá con síntomas de hipotermia, aínda que o seu estado non revestía gravidade. O outro tripulante da embarcación xa foi dado de alta.

Ó parecer, segundo indicaron os propios mariñeiros rescatados, todo apunta a un problema na hélice da embarcación, que andaba ó palangre, coma causa máis probable do infortunio, que impediu aos mariñeiros manobrar para alonxarse das rochas.