O Museo do Viño estréase como sé de catas con ‘Apaixónate polo Viño’

CAMBADOS> O Museo do Viño estreouse esta mañá como sé do ciclo de catas Apaixónate polo Viño. Unha vintena de persoas participaron nesta cita inaugural, que protagonizaron os caldos da cooperativa cambadesa Martín Códax. Esta iniciativa é unha das actividades coas que o concello busca revitalizar este espazo.

Unha vintena de persoas deixáronse apaixonar polo viño esta mañá. Foron os participantes da primeira cata do ciclo que nesta Semana Santa acolle o Museo do Viño de Cambados.

A cita de hoxe estivo protagonizada polos caldos de Martín Códax. A cooperativa cambadesa guiou aos asistentes por diferentes elaboracións, explicándolles as principais características e os distintos procesos que se seguen para conseguir o amplo abano de resultados.

A acollida do ciclo foi todo un éxito. Ademais de buscar achegar o mundo do viño a persoas non profesionais, tamén é o primeiro paso para conseguir o obxectivo que persegue o concello cambadés: revitalizar o Museo do Viño e enchelo de contido.

O ciclo continuará ata o domingo. Pola sala habilitada no Museo do Viño pasarán Terra de Asorei, Don Olegario, Paco y Lola, Lagar de Costa, El Secreto de Candela, Just B Wines e Anónimas Viticultoras. A participación é gratuíta. Os interesados só teñen que inscribirse na oficina de turismo de Cambados.