VILAGARCIA> Os traballadores do banco Sabadell de Vilagarcía mobilízanse contra o Ere que proxecta a compañía. Os empregados consideran que a entidade bancaria non ten motivos para despedir a preto de dúas mil persoas. As mobilización continuarán mañá cunha folga en todas as sucursais de España do banco Sabadell.
Os traballadores das sucursais bancarias do país din basta. Nos últimos meses, as grandes compañías bancarias están a pechar sucursais e despedindo empregados. Unhas medidas que o banco Sabadell continuará cun Ere, o que suporía o despido de preto de 2 mil persoas. Contrarios a estas medidas, os traballadores do banco comezaron unha serie de folgas nas diferentes cidades. No día de hoxe, foron os traballadores de Vilagarcía os que pararon a súa actividade durante unha hora.
Ademais dos despidos, se a medida do Sabadell avanza, pecharanse máis de 400 oficinas.
Dende o Sabadell xustifican esta decisión por motivos económicos. Uns argumentos que non convencen aos traballadores.
Os empregados tampouco creen que se deba á dixitalización. Outro argumento que consideran que non é certo.
Continuando coas mobilizacións, todas as sucursais bancarias do banco Sabadell farán folga no día de mañá. Ademais, contando co apoio de todos os sindicatos a nivel nacional, haberá manifestacións mércores e venres. En Galicia terán lugar na Coruña e Santiago.