VILAGARCÍA> Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira despregaron esta mañá un amplo dispositivo en Vilagarcía. Dende primeira hora os axentes realizaron varios rexistros en diferentes puntos do Salnés, aínda que o operativo centrouse en Sobradelo. En concreto, na nave dunha empresa náutica propiedade de Juan Vidal, do clan dos Burros, que foi detido. A operación estaría relacionada co narcosubmarino localizado na contorna de Vilaxoán hai algo máis dun ano.
A parroquia vilagarciá de Sobradelo amenceu hoxe cun amplo dispositivo despregado nunha das naves do paseo de Canelas. Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira, co apoio da unidade canina, realizaron durante gran parte da xornada varios rexistros neste inmoble, pertencente a unha empresa náutica propiedade de Juan Vidal, do clan dos Burro, que estivo presente en todo momento.
Os axentes tamén rexistraron dúas vivendas situadas no mesmo solar que a nave. Para acceder a elas foi preciso romper o cristal dunha das fiestras.
Vidal foi finalmente detido neste operativo, centrado na loita contra o tráfico de drogas e o branqueo de capitais. As pesquisas apuntan á súa posible relación co narcosubmarino Poseidón localizado hai ano e medio na contorna do peirao de Vilaxoán. No momento da incautación, xa estaba totalmente baleiro.
A investigación está a ser dirixida polo xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Vilagarcía.











