A factoría de Stolt Sea Farm de Rianxo creará 175 postos de traballo

RIANXO> O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, informou do macroproxecto da nova factoría de Stolt Sea Farm, que prevé asentarse no polígono industrial de Té. Será unha nova planta de procesado e envasado de peixe, cun investimento previsto próximo ós 45 millóns de euros. O rexedor rianxeiro destacou a importancia deste proxecto, que segundo el, suporá un pulo importante, non só para a economía local, senón tamén para a da comarca, ó preverse a xeración duns 175 postos de traballo.

Despois de que o proxecto fora declarado pola Xunta iniciativa industrial estratéxica, e á espera de que a Administración Autonómica proceda a avaliar nos próximos meses os posibles impactos ambientais do mesmo, a firma Stolt Sea Farm, líder mundial na produción de rodaballo e linguado, prepara xa a súa chegada a Rianxo, coa construción,  no polígono industrial de Té, dunha nova planta de procesado e envasado de peixe procedente das diferentes granxas acuícolas que ten en Galicia. Segundo o alcalde, Julián Bustelo, o proxecto, que contará cun investimento duns 45 millóns de euros, suporá un pulo importante, non só para a economía local, senón tamén para a da comarca, ó preverse a xeración duns 175 postos de traballo directos.

O rexedor rianxeiro confía en que o proxecto avance xa o longo deste mes de outubro, e sexa unha realizada o máis axiña posible.

A chegada de Stolt Sea Farm a Rianxo, coa compra de seis parcelas do polígono para o desenvolvemento do seu proxecto empresarial, deixa practicamente esgotado ó 100% as posibilidades de chan industrial no Concello, de aí que o goberno local traballe xa nunha segunda fase do polígono, coa busca de novas posibilidades de terreo para o asentamento de novas empresas.