VILAGARCIA> A Asociación da Fonte da Coca denuncia que as tubaxes verten ó río do Con barro e restos fecais. Segundo os veciños, Augas de Galicia considera que é un problema municipal. O Concello asegura que o problema é puntual e que tomarán medidas para que non volva a ocorrer.
Dende hai anos a Asociación de veciños Fonte da Coca vén denunciando que as tubaxes verten no río restos fecais. Augas de Galicia gastou máis dun millón en melloras nas canalizacións pero as fortes chuvias dos últimos días e a rotura da tubaxe da rúa de San Roque fixo que os vertidos volvesen.
Segundo os veciños, á zona achegouse un técnico de Augas de Galicia que derivou o problema ó concello. Teñen medo de que o goberno local siga sen actuar e que co verán a zona estea chea de restos fecais.
O alcalde asegurou que convocará unha reunión con Augas de Galicia para solucionar o problema.
Lino Mouriño tamén considerou que o problema é algo puntual e que en canto arranxen a tubaxe de San Roque quedará solucionado.