Vilagarcía recuperará os concertos nas festas de Santa Rita

VILAGARCIA> O concello de Vilagarcía recuperará as festas de Santa Rita pero cun formato reducido. A concellería de cultura presenta unha programación na que se inclúen catro concertos.

O concello de Vilagarcía volverá celebrar as súas festas de Santa Rita. O ano pasado, debido á pandemia, as actividades culturais realizáronse a través das redes sociais, pero este ano coa mellora da situación o concello poderá organizar actividades presenciais adaptándose as novas normativas. Serán unhas festas de Santa Rita en formato reducido.

As festas terán lugar do xoves 20 ao domingo 23. A principal novidade será a organización dun concerto por día. As actuacións correrán a cargo da Banda de Música Arousa, Xoel Padín, Silvia Penide e o V encontro folclórico Santa Rita, no participarán grupos da contorna.

A programación complétase con pasacalles, a feira celta e o festivaliño de curtametraxes infantís. Todas as actividades son gratuítas pero será necesario inscribirse previamente.

Ademais das actividades culturais, tamén se levarán a cabo os actos relixiosos excepto as procesións. As misas celebraranse con límite de ocupación e se o tempo acompaña realizaranse algunhas misas nos exterior para permitir a asistencia de máis fregueses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí