Unha cuadrilla da Mancomunidade encargarase da limpeza das Rutas Xacobeas

SANXENXO> A Mancomunidade do Salnés reforza o mantemento das súas sendas. O ente vén de contratar unha cuadrilla de catro operarios para realizar as tarefas en todos os treitos da Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento. Os operarios traballan estes días na zona de Sanxenxo, pero desprazaranse por todos os concellos membros.

Garantir o mantemento da Variante Espiritual e da Ruta do Padre Sarmiento é un dos obxectivos que se vén de marcar a Mancomunidade do Salnés. Por iso, o ente comarcal contratou unha cuadrilla de operarios para facer as tarefas de limpeza destas rutas.

A cuadrilla está formada por catro operarios completamente equipados, que desenvolverán os traballos de limpeza de xeito continuado e polos diferentes concellos do Salnés. Tamén atenderán as necesidades das sendas que transcorren ao carón dos areais.

Dende a Mancomunidade destacan o importante recurso turístico que supón a riqueza paisaxística do Salnés. Por iso apostan polo seu coidado e mantemento.

A cuadrilla comezou estes días os seus labores no concello de Sanxenxo, en concreto no entorno da praia de Paxariñas.